TEBEOSFERA \ TEBEOTECA \ ARTÍCULO

HUMORISTAS GRÁFICOS EN GALICIA


Listado de caricaturistas y humoristas gráficos gallegos elaborado para el catálogo de la Bienal da Caricatura de Ourense en 2002.

[ texto escrito en gallego ]

Viñeta de Xaquín Marín para la Exposición "La Picaresca" de la FGUA

[ Viñeta de Xaquín Marín para la Exposición La Picaresca de la FGUA  © 1997 X. Marín ]


Por Henrique Torreiro 


BD y Humor en Ourense

Caricaturistas y humoristas galegos


Juan Carlos ABRALDES. Barcelona, 1971. Ilustrador e caricaturista. Gañador de senllos premios na II e na V Bienal da Caricatura, así como no XII Concurso Galego de Banda Deseñada e no I Certame Galego de Imaxe Artística, modalidade de Banda Deseñada. Ten participado en diferentes exposicións e certames de todo o Estado, e feito ilustracións para revistas, xornais e libros de texto, así como deseño publicitario, pintura, etc. Foi un dos fundadores do Estudio Tangaraño, dedicado ó cinema de animación e outros traballos gráficos. Nos dous últimos anos traballa para La Voz de Galicia como ilustrador e humorista gráfico, especialmente no suplemento de humor «Xatentendo.com».

Javier AGUILERA. León, 1968. Humorista gráfico, ilustrador e deseñador. Despois de dedicarse ó deseño gráfico, desde 1996 fai debuxo humorístico para o xornal Faro de Vigo.

Roberto ARGÜELLES Menaz. Vigo, 1972. Formado basicamente na Escola de Arte Antonio Faílde de Ourense, ten traballado como ilustrador para Edicións do Cumio, e como deseñador gráfico e ilustrador para a empresa Tipograf, e ten realizado decoracións en locais de copas. Participa en certames e concursos con numerosos galardóns: en banda deseñada, en Cangas e Arteixo; en caricatura, na II Bienal de Ourense e no I Salão do Retrato Caricatural de Coimbra, ámbolos dous en 1994; nesta da VI Bienal da Caricatura de Ourense recibe o Premio á mellor colección no VI Concurso Galego de Caricaturistas Noveis.

ALFONSO BLANCO. Padrón, A Coruña, 1975. Escultor e caricaturista. Estudiou escultura na Escola de Arte Mestre Mateo, de Santiago, e actualmente estudia Belas Artes na Facultade de Pontevedra. Traballa como caricaturista na revista de fútbol Don Balón, de tiraxe nacional.

BOFILL (Pedro Ruiz Bofill). Barcelona, 1935. Licenciado en Belas Artes, é ilustrador, caricaturista e creador de personaxes infantís. Debuxou caricaturas e tiras cómicas para o xornal Faro de Vigo, ata a súa xubilación. Ten publicado unha Historia de Vigo en banda deseñada.

Pepe CARREIRO. Vigo, 1954. Debuxante, ilustrador e caricaturista, ten pasado por gran número de xornais e publicacións diversas, desde Teima a La Voz de Galicia ou El Mundo–Galicia. Dirixiu a revista de humor Can sen Dono. Hoxe colabora de forma continuada con viñetas de humor político no semanario A Nosa Terra, e é creador de varias coleccións infanto-xuvenís didácticas desa editorial, como a titulada A Nosa Historia. Publicou o libro recompilatorio de viñetas de humor político Fraga na Galiza.

CARRERA (Xosé Lois Carrera López). Parada de Ribeira, Ourense, 1971. Caricaturista, pintor e escultor. Licenciado en Belas Artes pola Facultade de Lejona (Bilbao). Ten desfrutado de distintas bolsas de estudios en Burdeos e París, o que lle permitiu participar en distintas exposicións colectivas naquelas cidades. Desde 1998 colabora con caricaturas e debuxo humorístico na edición ourensá de La Voz de Galicia, e esporadicamente no suplemento «Xatentendo.com».

RUBÉN FEIJOO Fernández. Ourense, 1979. Autodidacta cun curto historial no medio: a súa participación en anteriores convocatorias dos Concursos Galegos de Caricaturistas Noveis, no que finalmente acadou un premio.

GOGUE (José Ángel Rodríguez López). O Grove, Pontevedra, 1953. Debuxante no diario Faro de Vigo, creador dos personaxes Floreano, Monchiña e Epifanio. Os seus traballos foron recollidos nos libros Personaxes vigueses, Goguerías, Cen tolos da ría e Floreano I. Ten participado en numerosos festivais de todo o mundo, e gañou premios e distincións en varios deles.

LEANDRO (Leandro Barea Pernas). Lugo, 1974. Diploma de deseñador gráfico e ilustrador na Escola de Arte de Lugo. Foi deseñador gráfico para Zara; tamén colaborou con ilustracións para a Deputación de Lugo, e como caricaturista da Televisión de Lugo. Durante un tempo fixo caricatura de rúa. Na actualidade é colaborador habitual do xornal La Voz de Galicia, colabora esporadicamente coa A Peneira no seu suplemento «O Farelo», e tamén no xornal portugués Trevim no seu suplemento «Bronkit». Foi galardoado co  2º Premio no Salão de Caricatura de Vila Real, Portugal, no ano 2000, e obtivo unha mención de honra neste mesmo certame en 2001. Nese mesmo ano participou nunha exposición colectiva de caricaturas en Seixal, Portugal.

Xaquín MARÍN. Ferrol, 1943. Debuxante e humorista gráfico. Colaborou en multitude de revistas e xornais; entre eles, algúns históricos do humor no Estado (como Hermano Lobo ou La Codorniz), históricos da prensa galega (como Teima, A Nosa Terra, Luzes de Galiza, Encrucillada...), e algúns estranxeiros (caso de Le Télégramme, de Brest, ou Norte, de México). Actualmente publica de forma diaria viñetas e tiras no xornal La Voz de Galicia. Ten feito máis dun centenar de exposicións por todo o mundo, e publicado varios libros. É director do Museo do Humor de Fene e da súa revista, Sapoconcho.

Javi MONTES. A Coruña, 1975. Leva xa uns anos dedicado de forma profesional á ilustración, a caricatura e a banda deseñada. Gañador do 1º Premio no Concurso de Cómic de Arteixo, colaborou activamente no extinto fanzine Ovo. Como caricaturista e deseñador traballou no xornal coruñés Deporte Campeón e despois como caricaturista e humorista gráfico en La Opinión. Hai dous anos comezou a traballar como debuxante de story-boards para os estudios de animación de «Bren Entertainment» en Compostela.

OMAR (Omar Pérez). Villa María, Córdoba, Arxentina, 1956. En 1980 publica os seus primeiros traballos na revista Hortensia, pasando logo por varias publicacións arxentinas. Desde 1989 vive en Galicia, colaborando en distintos medios. Os seus debuxos poden verse tamén en xornais e revistas nacionais e internacionais: Crónica Filatélica, Paradores, The Ethical Spectacle... Ten participado en exposicións e mostras (en España, Portugal, Irán, Turquía, EE UU, Arxentina e Brasil), e obtivo premios especiais en concursos de Israel e Exipto. Licenciado en Belas Artes, compaxina as súas colaboracións humorísticas co cargo de deseñador gráfico na imprenta da Deputación de Ourense e o de profesor de Educación Plástica no Seminario Menor de Ourense.

PINTO e CHINTO. David Pintor: A Coruña, 1975; Carlos López: Boimorto, A Coruña, 1967. En 1993 comezaron a traballar xuntos en El Correo Gallego, pasando logo o seu traballo a ser diario tamén en O Correo Galego. Desde 1998 colaboran en tódolos xornais do Grupo Voz (La Voz de Galicia, Diario 16, Diario de León e La Voz de Baleares) e no seu suplemento de humor «Xatentendo.com». Teñen colaborado noutras publicacións e participado en diversos certames e festivais, en 1999 publicaron o volume Sobran as palabras, recompilación de traballos en prensa, e en 2001 o libro de literatura infantil Suca. Foron convidados pola revista Blanco y Negro a formar parte da homenaxe dos humoristas españois a Mingote.

PITÓN (José Luis Rivera Campo). Xerdiz, Lugo, 1967. Debuxante e ilustrador. Colaborador gráfico de varios suplementos de La Voz de Galicia, ilustrou varios libros infantís, creou ademais varias mascotas e ultimamente está a dedicarse ó debuxo animado. Quedou finalista en varias ocasións do premio «Curuxa do Humor», e participou na exposición colectiva «From Galicia with Humor».

Miguelanxo PRADO. A Coruña, 1958. Figura indispensable da Banda Deseñada internacional —álbums seus son, entre outros, Fragmentos de la Enciclopedia Délfica, Stratos, Quotidianía Delirante, Trazo de Tiza e Tangencias—, nos últimos anos intensificou o seu labor multidisciplinar, con especial atención á ilustración e a caricatura, en publicacións como La Voz de Galicia e Tempos Novos. Co-elaborou con Laura Esquivel o libro La ley del amor, e deseñou os personaxes das series de animación Men in Black e Os vixilantes do camiño. Ten exposto a súa obra en cidades de toda Europa e América, e no seu haber están distintos premios en distintos países, como varios Alph-Art do Festival de Angulema ou o de periodismo Fernández Latorre. É o director do salón coruñés de BD «Viñetas dende o Atlántico».

Carlos QUESADA. Ourense, 1931. Pintor, gravador, debuxante, caricaturista e ilustrador. Home polifacético, membro dunha popular familia de artistas, ten publicado caricaturas en diversos xornais, como La Región e La Voz de Galicia, e en revistas como Leer. A segunda edición da Bienal da Caricatura (1994) dedicoulle unha mostra antolóxica.

Fernando QUESADA. Ourense, 1939. Un clásico do humor galego. Os seus primeiros debuxos na prensa aparecen en 1961 no Faro de Vigo, xornal no que segue aparecendo co seu chiste gráfico tódolos días. Colaborou durante dez anos nos xornais e revistas Pueblo, Arriba, La Codorniz, Cambio 16, Tele-Radio, Blanco y Negro, Gaceta Ilustrada, La Actualidad Española e Posible. Ten numerosos premios e galardóns: Premio Mingote, Premio Agroman, Premio Reconquista, Premio Popular do xornal Pueblo, Premio Galicia de Comunicación... Hai publicados libros, álbums e catálogos coa súa obra. Ademais de humorista gráfico, é funcionario e pintor, faceta esta última que o levou a expor nas principais cidades galegas ademais de en Madrid, Barcelona, Quito, Caracas e Lisboa.

ROBER (Roberto Vázquez Araújo). Ourense, 1971. Como deseñador gráfico, traballou con Eloy Lozano e con Permuy Asociados. Como pintor, participou en diversas exposicións colectivas de pintura, acadando algún primeiro premio. E como ilustrador colaborou semanalmente no suplemento de La Voz de Galicia «Ourensemanal».

Fernando RUIBAL PIAY. Mourente, Pontevedra, 1969. Debuxante, ilustrador e caricaturista, ten publicado en diversos fanzines e xornais como o Diario de Pontevedra ou O Correo Galego. Gañou diversos premios en concursos de cómic e caricatura, en Galicia e Portugal; entre eles, o Concurso Galego de Caricaturistas Noveis en 1994, e o Premio Ourense de Banda Deseñada en 1997.

SANTY (Santiago Gutiérrez). Vigo, 1971. Caricaturista, humorista gráfico e ilustrador. Comezou publicando diariamente en El Correo Gallego; continuou despois na edición viguesa de La Voz de Galicia, onde se introduciu no mundo da caricatura, e de aí pasou ó Atlántico Diario, El Progreso de Lugo e La Opinión de A Coruña, onde segue a publicar tiras, caricaturas e viñetas de humor gráfico. Á parte disto, fixo deseño publicitario, ilustrou libros de texto e conseguiu un accésit no concurso nacional de humor gráfico «J&B Joven y Brillante 96».

Elisardo Núñez SEABRA. Vilar da Barra, Coles, Ourense, 1926. Pese a non dedicarse profesionalmente a arte, si ten un amplo currículo no campo do debuxo, a pintura e a caricatura. Formado na Escola provincial de Artes e Oficios de Ourense, obtivo na mesma premios de fin de curso nos anos 1943, 44, 45, e 46. Realizou diversas exposicións de pintura. Respecto da súa caricatura destaca a exposición homenaxe que lle organizou Orfeón Ourensán co título de «Exaltación da caricatura de Seabra». Ten realizada unha importante colección de retratos de personaxes populares ourensáns: «D. Manuel de los Diablillos», «Toniño», «Parrulí», «Capitán Bombilla», «Pepiño Tatexo», etc.

Kiko Da SILVA (Francisco Xabier da Silva Irago). Vigo, 1979. Con experiencia en distintos campos do debuxo —con 17 anos gañou o XII Concurso Galego de Banda Deseñada—, este futuro licenciado en Belas Artes leva anos traballando como caricaturista e ilustrador para La Voz de Galicia, nas súas edicións diarias e no suplemento de humor «Xatentendo.com». Entre os premios que obtivo son de destacar o «J&B Joven y Brillante» de Humor Gráfico e o do Portocartoon. É ilustrador de diversos libros infantís, así como autor do texto e ilustracións do libro Moncho e a mancha (Kalandraka, 2001). Promove e dirixe a revista de banda deseñada BD Banda.

Carlos SILVAR. Ferrol, 1954. Ilustrador, humorista gráfico e deseñador. Foi colaborador gráfico de diversas publicacións como A Nosa Terra, Can sen Dono, Follas Secas, La Voz de Galicia ou Xo! con viñetas, tiras e cómics, e fixo ilustracións para libros de diversas editoriais, como, por exemplo, a serie A Nosa Natureza, da que é coautor. É deseñador do grupo Sargadelos desde 1981.

SIRO López. Ferrol, 1943. Debuxante fundamental no panorama cultural galego, deuse a coñecer en 1970 na revista Chan, colaborando despois en multitude de xornais e revistas. Hoxe traballa como caricaturista político en La Voz de Galicia, e alterna o seu traballo gráfico co de xornalista na radio e na prensa escrita. Tamén poderíamos falar del como pintor —magnífica a súa carpeta Siro, 30 anos despois (2000)—, ilustrador, conferenciante, animador cultural... Autor de diversos libros, dos que destacamos, entre os últimos, Cofrades do cristo da autonomía (1988); Como debuxar caricaturas (1991); O caricaturista Xosé María Cao (1993); Sorrir en Frades (1994) Castelao humorista (1996); XVI Anos de Parlamento Galego (1998); e Celestino Fernández de la Vega (2001). É o autor do proxecto da Praza do Humor da Coruña, inaugurada en 1990. A súa obra plástica recibiu homenaxe en 1995 cunha exposición itinerante retrospectiva dos seus 25 anos de actividade. Conta cos premios Vieira do Humor, Merlín, Fernández Latorre e o de Xornalismo da Xunta de Galicia. Dirixe dende o seu primeiro número o suplemento de humor «Xatentendo.com».

SUSO (Xesús Sanmartín Juncal). Bueu, Pontevedra, 1971. Debuxante, caricaturista e humorista gráfico. Publicou en diferentes revistas e xornais (A Nosa Terra, Eis, Xo!, USC/Cartafol, A Comarca do Morrazo, Tempos Novos), e recibiu diferentes premios en diferentes campos gráficos, desde o deseño ata a banda deseñada. Foi gañador do premio á mellor colección no III Concurso Galego para Caricaturistas Noveis. Recentemente foi incluído na mostra e o catálogo Os humoristas e a lingua, do Museo do Humor de Fene.

Tomás VEGA PATO. Manzaneda, 1938. Ten realizado ilustración, deseño gráfico e técnico; debuxo heráldico, no que está especializado; retrato e caricatura. Comezou moi novo coa caricatura, que practica regularmente durante os anos 50 e 60, para, despois dun longo período dedicado a outros campos do saber, retomala de cheo en 1990. Na actualidade alterna  esta faceta coa pintura  e a fotografía.

XOSÉ LOIS (Xosé Lois González Vázquez). Ourense, 1949. Colaborador de moitas publicacións galegas, como A Nosa Terra ou Can sen Dono, a súa gran popularidade veulle polo seu personaxe «O Carrabouxo», que desde hai anos publica diariamente en La Región e Atlántico Diario, e que foi recompilado en varios libros. O personaxe é protagonista dunha serie de animación para a televisión, e neste ano celebra o seu vinte aniversario, polo que está en marcha unha homenaxe que institucións e entidades ourensás lle renderán no mes de maio. Participante en moitas exposicións por toda a xeografía galega, é de subliñar a súa colaboración nas Mostras de Humor Gráfico da Universidade de Alcalá de Henares.


VÍNCULOS:

Muestras de humoristas gráficos gallegos

Catálogo de autores gallegos en Culturagalega.org


BD y Humor en Ourense

Caricaturistas y humoristas galegos


[ Henrique Torreiro, es licenciado en Historia, animador sociocultural y periodista. Es uno de los principales organizadores de las Xornadas de Banda Deseñada de Ourense y el responsable del Fanzine das Xornadas (la más importante publicación sobre fanzinismo en España). Este texto ha sido retocado levemente para su publicación en Tebeosfera 021127 ]