XAQUÍN MARÍN NOS INICIOS DO HUMOR GRÁFICO GALEGO
EVA MARÍA TEIJEIRO SUÁREZ

Resumen / Abstract:
Os anos setenta e oitenta supoñen a recuperación do humor gráfico galego tras a posguerra, retomando a tradición previa á Guerra Civil, con referentes como Castelao. Nos setenta reactívase a produción gráfica con diversas publicacións; nos oitenta consolídase este proceso mediante actuacións concretas nese ámbito artístico-cultural. Este proceso de revitalización e dignificación da viñeta (e do cómic) estivo liderado por Xaquín Marín e Siro, autores que relacionaron os seus precedentes coa xeración posterior. / The Galician satiric cartoons revival took place in the 70’s and the 80’s after the post-war period. This revival meant a return to the tradition which developed before the Civil War with Castelao’s work as a point of reference. In the 70’s, the Graphic Production was relaunched through several publications, a process which was consolidated in the 80’s by means of specific actions in the artistic and cultural sphere. This process of revitalization and dignification of the vignette and the comic was led by both Xaquín Marín and Siro, who acted as bridges between generations.
Palabras clave / Keywords:
Humor gráfico gallego, Cómics en Galicia, dignificación del medio, Xaquín Marín/ Galician Satiric Cartoons, Galician Comics, media dignity, Xaquín Marín

XAQUÍN MARÍN NOS INICIOS DO HUMOR GRÁFICO GALEGO

O inicio da produción gráfica de Xaquín Marín correspóndese coas décadas dos 70 e dos 80, sendo identificadas estas como as de recuperación da actividade neste ámbito artístico-cultural, despois da etapa de silencio e represión correspondente á posguerra (esa “longa noite de pedra”, da que falaba Celso Emilio Ferreiro O contexto histórico que vai dende finais da ditadura ata finais dos anos 80 cadra co momento en que se retoma unha tradición de ilustración gráfica moi importante, a denominada “Idade de Ouro”, na que xurdiron as bases deste formato en Galicia coa obra de autores tan representativos como Castelao e iso que xa houbera manifestacións previas, algunhas mesmo anteriores ao s. XX. O alzamento militar do 1936, que supuxo a fin da etapa republicana, o inicio da guerra e a imposición dun réxime ditatorial despois, interrompeu esa etapa de esplendor.

     
      Página de "Buscando otro mundo", quizá el primer cómic largo dibujado por Marín, inédito hasta 2010. © 2010 X. Marín.

Efectivamente, o enorme desenvolvemento do humor gráfico galego no primeiro terzo do s. XX (impulsado pola creación de Vida Gallega no 1909 e pola actividade de Castelao, Maside, Cebreiro e Torres[1]) viuse interrompido abruptamente coa Guerra Civil e non comezou a súa recuperación ata o final do Franquismo, xa que a etapa de posguerra silenciou boa parte dos autores (unhas veces fisicamente -Camilo Díaz Baliño-, outras a través do exilio -Castelao, Seoane-, outras mediante a represión e a censura). Da mediocridade dominante nesa etapa sálvanse Atomé, Quesada  e Lalo[2]. Por outra parte, na década dos 60, os autores de humor gráfico galegos están nomeadamente influídos por Mingote e La Codorniz (onde publicarán Xaquín Marín, Quesada e Pepe Carreiro), os grandes referentes do humor en castelán nesa época.

“(...) o certo é que os humoristas gráficos que nos dabamos a coñecer a finais dos anos sesenta estábamos máis condicionados polo semanario madrileño La Codorniz ca pola nosa tradición. Desde entón, o noso traballo foi un continuado esforzo por nos vencellar á escola humorístico-gráfica galega, tanto na presentación do texto como na representación gráfica. ” (Siro, 1995: 10)

Tras as “décadas oscuras” (Caballero, 2015b: 202), a actividade neste ámbito reiníciase a principios dos 70, momento en que coinciden en activo tres xeracións de humoristas gráficos galegos: a representada por Quesada (Vigo, 1933), a que presenta como referentes fundamentais a Siro e Xaquín Marín (os  dous nados en 1943, con traxectorias coincidentes ata certo punto), e a que se corresponde co Grupo do Castro, na que se inclúen cronoloxicamente Xosé Díaz e Rosendo Díaz (fillos de Isaac Díaz Pardo), Xesús Campos Álvarez (Chichi) e Luis (Caparrós) Esperante (nados ao redor de 1950). Neste último grupo tamén participaron como membros activos outros autores anteriores (Reimundo Patiño[3] e Xaquín Marín). Neste mesmo arco cronolóxico, sen se adscribiren a un grupo concreto, estarían creadores como Xosé Lois (1949), Gogue (1953), Pepe Carreiro (1953) e Pepe Barro (1955).

A etapa que abrangue os anos 70 e 80, aínda que presenta certas características comúns, non é homoxénea. Pode establecerse unha diferenciación clara en  dúas fases: unha anterior a 1977, e outra posterior.

O 1970-1977 coincide cos derradeiros anos da ditadura (o tardofranquismo) e os primeiros tempos da Transición, momento de certa relaxación na limitación da liberdade de expresión, malia o mantemento da censura; posiblemente esa foi unha das causas de que rexurdise con forza este formato expresivo mixto, tras tres décadas de decadencia nas que estivera absolutamente condicionado polo control das publicacións. A reaparición en escena do humor gráfico galego supuxo tamén o seu emprego con certa frecuencia como arma de denuncia social e política. Nesta época, ademais, naceu como tal o “humorista gráfico”, que tentaba facer das viñetas (e cómics) un medio de vida habitual; seguirá habendo debuxantes e pintores que ocasionalmente fagan viñetas para a prensa, aínda que se tende á especialización dos autores (e á profesionalización). En cualquera caso, este primeiro pulo será o precedente  do período comprendido entre 1982 e 2000[4], “la segunda edad de oro del humor gráfico gallego, después de la primera  y  genuina,  la  protagonizada  por Castelao  y  los  humoristas  de  su  generación entre 1909 y 1936.” (Caballero, 2015b: 198).

     
Xaquín Marín, “A percura da comida”, Chan, 36, V-1971. © 1971 X. Marín.
     

A finais dos anos 70 e durante a década dos oitenta, recupérase oficialmente a liberdade de expresión, condicionada desde entón, no novo marco do estado do benestar e as autonomías, pola lei da oferta e da demanda do mercado editorial. No período que vai de 1977-1980, etapa preautonómica, as controversias en prensa sobre diversos temas socio-políticos foron habituais, e ás veces recibiron tratamento humorístico. O humor gráfico non foi alleo a isto. En 1981 teñen lugar as primeiras eleccións ao parlamento autonómico, pechándose dalgún xeito o ciclo da transición en Galicia. Logo seguen os anos iniciais do periplo autonómico e a consolidación do proceso democrático. Os cambios sociais e políticos foron notables e reflectíronse en distintos ámbitos artísticos e culturais.

Volvendo ao momento inicial desta breve panorámica histórica (os anos 70) os autores de humor gráfico galegos -que adoito combinaban a creación de viñetas/tiras cómicas coa elaboración de cómics (“banda deseñada”, terminoloxía específica en Galicia)- nesa altura contaban cunha serie bastante limitada de opcións para difundiren a súa produción: a publicación en prensa, as publicaciones monográficas e as exposicións colectivas.

En canto aos espazos na prensa xeralista da comunidade ou na prensa estatal (nese caso non era habitual que o texto estivese en galego), hai que diferenciar os medios diarios dos que presentan outro tipo de periodicidade:

a) A publicación en xornais (medios de comunicación impresos diarios). A maior presenza de autores de viñetas en galego na prensa diaria resulta un índice da recuperación do formato mixto debuxo/texto: Faro de Vigo contará con Quesada xa en 1970; Siro publica en Ferrol Diario en 1971, comeza a colaborar con El Ideal Gallego (A Coruña) e un ano despois e máis ou menos nas mesmas datas en La Región de Ourense ilustra a sección “Con esta lupa” (sobre política internacional) con texto de Carlos Casares; tamén publicará Xaquín Marín en El Ideal Gallego a partir de 1975 (tras ter pasado por La Codorniz e Hermano Lobo[5]); así e todo “Hacia 1975 sólo había cuatro humoristas en la prensa gallega que publicaban en gallego, y no siempre (Siro, Xaquín Marín, Quesada e Lalo).” (Caballero, 2015b: 204)

Ademais das colaboracións viñetísticas, nesta etapa algúns medios diarios comezan a introducir seccións con historietas gráficas (cómic): este é o caso de “As furnas do rei Cintolo” de El Ideal Gallego, que comezou a publicarse a mediados de 1974, onde aparecerían series como “Historias dunha vella descoñecida”, de Luis Esperante. O periódico ourensán La Región editará entre 1974 e 1975 o suplemento Axóuxere, onde sairá publicado en varias entregas Comandante Iago, de Ulises Sarry, un cómic de ficción científica (na liña de 2 viaxes ou Ratas, de Xaquín Marín).

b) Publicacións periódicas non diarias que incluían viñetas.

A revista madrileña “Chan”[6], dirixida por Borobó (Raimundo García Domínguez), convértese a principios dos 70 nunha referencia do humor gráfico galego ao publicar primeiro a serie de Siro “Nenos” (1970) e “O emigrante” de Xaquín Marín (1971), coa que dá inicio ao seu “ciclo da fame” (catro historietas autoconclusivas cuxo eixe central é a subsistencia, o que explica o nome que recibe o conxunto). Recoñecidos estudosos como Clodio González Pérez consideran que estas dúas colaboracións sinalan o inicio dunha nova etapa no humor gráfico galego, na que se recupera o prestixo perdido neste ámbito e se retoma dalgún xeito a tradición propia, tanto no referente ao emprego da lingua galega como na estética.

                 
    Xaquín Marín, “O emigrante”, Chan, 35, III-1971.
© 1971 X. Marín.
          Siro, "Os Nenos", Chan, 27, VI-1970.
© 1970 Siro.
   

“Teima” foi unha publicación monolingüe en galego, semanal, que só alcanzou 35 números (editouse durante oito meses), aínda que tiña unha considerable presenza do humor gráfico; nela publicaron Siro, Xaquín Marín (as tiras de Caitano) e outros autores como Reimundo Patiño ou Pepe Carreiro (quen en 1977 iniciou nela a serie de “O galo Camilo”, que logo trasladaría ao xornal El Pueblo Gallego en 1979).

“A Nosa Terra” (na edición reiniciada en 1977) era un semanario nacionalista, con importante compromiso coa lingua e a identidade galega. Na nómina dos seus colaboradores gráficos incluíanse Xosé Lois (foi onde creou a Sabeliña), Pepe Carreiro, Chichi Campos ou Xaquín Marín, quen reutilizou os seus “pés” (xa presentes nas súas colaboracións en La Codorniz), dotánoos dunha entidade propia como formato de publicación (“Historias de esmagados”).

No referente ás distintas posibilidades de publicación en prensa, tamén hai que ter en conta a existencia de medios vinculados a partidos políticos, asociacións e institucións, por exemplo en A Voz do Pobo (de filiación comunista) aparecerá “O fillo de Breogán” de Pepe Carreiro, e posteriormente outras series do mesmo autor.

           
  Portada del primero y único número de A Cova das Choias, 1973.
         Vagalume, 1, 1-I-1975.  

Por unha parte, aínda que son casos excepcionais, aparecen algunhas publicacións periódicas monográficas de humor gráfico. A primeira delas foi A cova das choias, obra do colectivo de cómic do Castro (coa denominación de Roi Xordo): foi publicada en Xenebra, en 1973 e distribuída de forma clandestina. Só saíu un número, con historietas para adultos e carácter comprometido; algunhas colaboracións eran de Chichi Campos e Xosé Díaz. A finais da década, en 1979, apareceu Xofre, fanzine que marcaría o inicio dunha nova etapa en canto ás publicacións de cómic e humor gráfico galego, posto que os seus creadores xa tenden á profesionalización no ámbito da historieta. Foi editada polo colectivo homónimo, constituído por Xan Carlos López Domínguez, Fran Jaraba e Miguelanxo Prado. Tamén contou cun único número. Por outra parte, entre 1975 e 1978 publicouse Vagalume, revista de cómic infantil e xuvenil de periodicidade quincenal que tivo 46 números, incluíndo produción de historietistas galegos (Oitabén, Xiráldez, Saavedra Pita...) pero tamén creacións dos lectores e lectoras. Tratábase dun proxecto pioneiro, con carácter didáctico, no que colaborou, entre outros, o Instituto da Lingua Galega[7].

A maiores disto ten lugar, tamén de maneira excepcional, a edición de libros de humor gráfico e cómic. Outra forma de difusión da obra de autores deste ámbito creativo é a publicación de antoloxías monográficas cunha selección de viñetas, na maioría dos casos xa publicadas previamente en prensa (o que garantía un público concreto seguidor do autor). Este sistema, que ten como precedente as Cousas da vida de Castelao (que foron editadas por Galaxia en varios tomos desde 1961 ata 1971), permitiu a autores como Quesada, Cebreiro, Xaquín Marín, Siro, Lalo ou Xosé Lois, ver recompilada en volumes unha gran parte da súa obra, que doutro xeito se atoparía totalmente dispersa en distintas publicacións periódicas.

     
      Primera antología de Chispas da roda, de Fernando Quesada, en la colección O Moucho de Edicións Castrelos. © 1971 F. Quesada.

Quesada, o humorista gráfico galego con máis proxección a nivel estatal (polas súas colaboracións en diversas publicacións da época) viu unha boa parte da súa produción publicada nos cinco volumes da serie Chispas da roda (editados por Castrelos, colección “O Moucho” en 1971, 1973, 1974, 1976 e 1979, respectivamente). A constante reedición desta serie ofrece un indicador da súa popularidade na época.

Os dous autores pertenecentes á xeración inmediatamente posterior, Siro e Xaquín Marín, tamén conseguiron publicar libros-antoloxía, pero algo máis serodiamente: no caso de Siro, os primeiros foron Os pecados capitales (1977), Debuxos de humor (1985) e Xente na brétema (a primeira versión de 1988; a segunda de 2003). As primeiras edicións antolóxicas de Xaquín Marín foron Gaspariño (1978, Do rueiro; cunha segunda parte en 1982, Xerais; ambas protagonizadas polo personaxe presentado en “As furnas do rei Cintolo” en 1974), Alcacén para gaitas (edicións do Castro, Sada, 1980; selecta de viñetas de El Ideal Gallego); Dos pés á testa (Galaxia, Vigo, 1986, con prólogo de Agustín Fernández Paz; trátase dunha recompilación da súa produción desde os seus comezos: inclúe a personaxes como Gaspariño, mais tamén os simbólicos “pés” do autor).

Como unha publicación independente destas características supuña ter unha certa traxectoria previa para que a editorial vira rendible a edición, non estaba ao alcance de todos os autores conseguila.

Outro tipo de publicacións exentas no ámbito do humor gráfico foron 2 viaxes (1975), obra de Reimundo Patiño e Xaquín Marín, e Ratas[8] de Xaquín Marín, publicada en 1977 (composta entre 1974-1975, con texto en galego, aínda que a primera edición foi rotulada de novo en castelán para a súa publicación); a ambas podería sumarse o devandito Gaspariño (1978), polo seu carácter unitario, construído como unha sucesión de tiras cómicas con certa interrelación argumental.

Estariamos ante unha obra de banda deseñada: non é unha viñeta, nin sequera unha tira cómica inserta nun medio de prensa. É unha obra completa e independente, con trama argumental propia, que se caracteriza por combinar texto e imaxe e constrúese cunha sucesión de unidades (viñetas). Non  é unha casualidade que neste momento tanto R. Patiño como Xaquín Marín, considerados os pais da BD galega, formasen parte do Grupo do Castro, denominado tamén Grupo de cómic do Castro. Por outra parte, este deseño unitario dunha obra gráfica estaba presente no Comandante Iago, de Ulises Sarry que fora publicada por entregas máis ou menos na mesma época.  O feito de que tanto esta obra gráfica como as devanditas 2 viaxes e Ratas sexan susceptibles de encadrarse na ciencia ficción, con ambientación distópica e/ou no futuro non é unha casualidade: permite aos seus autores referirse simbolicamente á realidade galega do momento, esquivando o control da censura.

               
    2 viaxes, de X. Marín y R. Patiño, con ilustración de portada de Patiño. © 1975 R. Patiño       Página de "A longa viaxe de volta dende as estrelas", cómic de X. Marín del álbum 2 viaxes. © 1975 X. Marín.

   

Con respecto a estas obras iniciais de cómic, hai que sinalar que publicar historieta gráfica na época non era doado, polo que o humor gráfico resultou unha opción mellor para autores como Xaquín Marín que presentaban certa predisposición cara a ese formato, moito máis inmediato e con máis posibilidades de publicación.

As dificultades para publicar en prensa a principios dos 70 nalgúns casos concretos, ao que había que engadir a imposibilidade de publicar obras propias de forma independente, foi seguramente un dos motivos fundamentais que favoreceu a creación, por parte de certos autores, de obras gráficas de carácter mural, pensadas para seren expostas, e non para seren impresas en publicacións. Se a isto se engade que moitos dos autores eran pintores tamén, é comprensible que este tipo de formato tivese relativa aceptación entre algúns dos humoristas gráficos galegos da época: entenden o cómic como outra forma de manifestación artística, con gran potencial de comunicación (Xaquín Marín incide de forma explícita neste aspecto en diferentes ocasións), e especialmente interesante para a denuncia e a reivindicación.

     
       Primera serigrafía de O home que falaba vegliota, de Raimundo Patiño. © 1972 R. Patiño.

Ademais, este formato que combinaba texto e imaxes tiña a enorme vantaxe de carecer dunha gran tradición previa, polo que era ideal para a experimentación formal. De feito, o cómic galego desta etapa, lonxe de imitar canons externos, caracterizouse pola súa transgresión das incipientes convencións do xénero, polo que autores como Reimundo Patiño (1936-1985) son considerados verdaderos pioneros (mesmo a nivel internacional). Precisamente este pintor coruñés, vencellado ao expresionismo e ao surrealismo, que combinou a vangarda coa tradición galega, será o gran referente para as primeiras xeracións de humoristas gráficos e autores de cómic galegos. A súa procura de novos formatos expresivos ten como resultado a obra “O home que falaba Vegliota”, unha serie de doce enormes pranchas serigrafiadas que compoñían unha xigantesca historieta: estaban pensadas para ser musealizadas, para formar parte de exposicións artísticas, non para seren reproducidas tipograficamente. Este traballo, na que se aludía de forma simbólica á situación da lingua galega, foi exposta por primeira vez en Madrid, na Galería Redor, en 1972.

Tanto Patiño como o grupo do Castro xa sinalaban nalgunhas entrevistas que a fin última dos seus traballos era a publicación. No entanto, os recursos materiais, tanto económicos como de distribución necesarios eran moi dificultosos para a época, e entón o mellor xeito de se dar a coñecer era a exposición. Patiño fixérao en Madrid con “O home que falaba vegliota”, e cando o Grupo do castro[9] ve iso quere facelo aquí tamén. Tentouno nas festas do Castro no verán do 72, cando expuxeron nunha lona que axiña lles retirou a Garda Civil. Logo a canle foi a Escola Normal da Coruña (...)                                                   

Tal como se anticipa neste fragmento (Hermida, 2015a) entre 1972 e o ano  seguinte, o Grupo de cómic do Castro potenciaría varias exposicións para facer públicas as súas obras, enmarcadas no ámbito do cómic e do humor gráfico. Este grupo destaca pola orixinalidade das súas propostas, o seu carácter reivindicativo e a presenza de mensaxes encriptadas na súa produción. Segundo Xosé Díaz, o impacto que a visualización da obra de R. Patiño supuxera para eles foi o motor desas exposicións. En 1973, súmanselles o propio Reimundo Patiño, Xaquín Marín, Pepe Barro e Ricardo Lázaro, para crear unha mostra itinerante de cómic galego que percorreu distintas localidades, sendo vítima en ocasións de ataques por parte da ultradereita.   

Dous dos lugares onde foi exhibida a Mostra do Cómic Galego, na que estaba incluída a obra de Patiño, foron a Escola de Maxisterio da Coruña (“la Normal[10]”) e o Círculo Mercantil de Santiago (en colaboración coa Asociación Cultural O Galo). Esta difusión pública supuxo un pulo importante para a posterior publicación de A cova das Choias: “A partir desa visibilidade xurdiu a revista A Cova das Choias. O editor Carlos Xohán viu ese material, pareceulle publicable, e sacouno na súa editora de Xenebra. Logo distribuíse de xeito clandestino en Galicia.” (Hermida, 2015a).

     
Xaquín Marín, “A leiteira”, Chan, 37, VI-1971. © 1971 X. Marín.
     

Outra obra relevante presente nesa mostra era a serie de cinco serigrafías “Carta ao pai” de Pepe Barro (1955), que ilustra un texto de Darío Xohán Cabana que fora publicando antes nunha antoloxía de relatos; posteriomente foi distribuído nunha publicación da UPG, sen asinar (polo seu carácter reivindicativo) e reeditado en Suíza (xa que abordaba a temática da emigración).

A organización de exposicións e outras actividades en relación co humor gráfico e o cómic vertebrouse ao redor de colectivos como o devandito Grupo do Castro, e a Fusquenlla, constituído a principios dos años 70 por Reimundo Patiño, Xaquín Marín e Xesús Castro (aínda que nunca actuou como tal colectivo artístico).

A división do proceso de rexurdimento do humor gráfico galego nas décadas dos 70 e 80 en dúas etapas, unha anterior a 1977, e outra posterior a ese ano, hai que relacionala coa situación real en canto á liberdade de expresión. Ata ese ano aínda está condicionada pola lexislación vixente; aínda que varios reais decretos derrogaran certos aspectos da Lei de prensa de Manuel Fraga, de 1966 (como o artigo 2, polo que se sometía a liberdade de expresión aos Principios do Movemento Nacional, ou o secuestro de publicacións), en última instancia, estaba vixente de forma xenérica e, en ocasións era aplicada (este foi o caso de Siro, que aínda en 1976, morto xa o ditador, foi procesado polo civil por unhas viñetas publicadas en El Ideal Gallego, e estivo a piques de pasar por un consello de guerra por outra publicación gráfica). É dicir, mantíñase aínda viva a censura, e no só administrativamente.

O cambio real -legal- ten lugar a finais de 1978, cando entra en vigor a Constitución, que inclúe o dereito á información e á liberdade de expresión.

A década dos 80 correspóndese coa eclosión do humor gráfico en Galicia, grazas ao compromiso de certos autores, que van potenciar melloras no ámbito da produción, realizando unha intensa actividade de visibilización e de “dignificación” do humor como forma expresiva, incidindo especialmente no seu valor como elemento representativo da idiosincrasia da cultura galega.

Nos primeiros anos desta década prodúcense unha serie de acontecementos no referente ao humor gráfico galego, sendo o máis significativo de todos eles, por servir de detonante para case todos os demais, a celebración do I Seminario Galego do Humor, en xuño de 1982, no Laboratorio do Castro, en Sada (A Coruña), ao redor da figura de Isaac Díaz Pardo. Alí estiveron presentes humoristas gráficos galegos tan representativos da época como Quesada, Siro, Xaquín Marín, Chichi Campos, Xosé Lois, Gogue, ou Pepe Carreiro, pero tamén houbo oco para estudosos deste ámbito expresivo (Carlos Baliñas, Clodio González Pérez, Agustín Fernández Paz).

O mesmo ano do encontro na súa sede editorial, Edicións do Castro lanza a colección “Os nosos humoristas”, con sete monografías dedicadas a figuras como Castelao  (1982),  Vidales  Tomé  (1982),  Padín (1983), Maside (1983), Prada (1984), Torres (1985) e Cebreiro (1986). Todos os volumes eran obra de C. González  Pérez.

Outra das propostas debatidas durante ese seminario, a creación dunha revista de humor gráfico en Galicia, materializouse xa no ano seguinte coa aparición de Can sen dono, dirixida por Gogue e Pepe Carreiro, contando con achegas gráficas de moitos dos asistentes á reunión de Sada.

       
    Xaquín Marín, “A cobra do vrao”, Chan, 38, VII-VIII-1971. © 1971 X. Marín.

   

En 1983, Siro e Xaquín Marín inician unha campaña a favor do humor galego que durará dous anos, combinando unha exposición itinerante por distintas localidades de Galicia coa proclamacón do Manifesto en Defensa do Humor. Esta campaña tiña como finalidade fundamental defender o humor galego ante a situación de risco na que se atopaba (“perigaba na súa singularidade e importancia”); o manifesto “denunciaba a inhibición de autoridades políticas e culturais en apoiar unha das principais peculiaridades dos galegos” (Marín, 1995b: 11). En cada localidade a presentación desta proposta ía acompañada da presenza de prestixosos intelectuais, como Ramón Piñeiro, Domingo García-Sabell, X. Chao Rego,  Manuel María, Carlos Baliñas, Xavier Costa Clavell, Calros Silvar, Clodio González Pérez...

O obxectivo era denunciar o esquecemento ao que fora sometida a singularidade do humor galego por parte de diversos ámbitos da sociedade contemporánea (como sociólogos, entidades  culturais,  críticos  de  arte,  responsables  dos  medios  de comunicación) e promover a dignificación do xénero humorístico nas súas distintas manifestacións, e en particular, o humor gráfico galego.

Esta xira en defensa do humor obtivo algúns logros concretos en pouco tempo:

a) Acceso de humoristas galegos comprometidos coa lingua e a cultura aos xornais: xurdiu interese real para incluír nos periódicos e outras publicacións a obra destes autores, de recoñecida calidade pero con insuficiente presenza nos medios ata ese momento.

     
      Xaquín Marín, "O astronauta", 1971. © 1971 X. Marín.

Neste sentido, ademais de mantenerse publicando a diario a maioría dos que comezaran as súas colaboracións en prensa na década anterior (algúns deles ata a actualidade, caso de Xaquín Marín dende 1988 en La Voz de Galicia), incorpóranse novos creadores como Xosé Lois e Gogue. O primeiro deles -Xosé Lois González- publicou en A Nosa Terra dende 1979 ata a desaparición do semanario, en 2010; en 1982 inicia a súa participación en La Región (Ourense) co seu personaxe “O Carrabouxo”, que alcanzou tal sona que ata ten unha escultura nesta cidade. Tamén Floreano, creación de Gogue -José Rodríguez López-, conta cun espazo escultórico en O Grove; o pontevedrés iniciou a súa colaboración con Faro de Vigo en 1981, en distintas seccións, e dende 1989 publica as tiras/viñetas protagonizadas por este personaxe nese medio.

b) Creación dos Encontros de Humoristas Galegos, celebrados na  comarca do  Condado, Pontevedra, entre 1984 e 1988. As cinco edicións tiveron lugar en réxime  de  autoconvocatoria,  aínda que  contaban  co apoio da Sociedade Cultural e Deportiva do Condado. Entre as súas propostas estaba crear unha asociación gremial, mais ao final esta iniciativa non callou (sendo un dos maiores detractores desta organización Xaquín Marín, quen tampouco era favorable ao establecemento dunhas tarifas uniformes no ámbito do humor gráfico).

Aínda sen conseguir os obxectivos propostos, Xosé Alberte Suárez Lage (Picho), responsable destas reunións, considera que foron moi positivas, contribuíndo á normalización  do  humor  gráfico  na  prensa  diaria,  e sensibilizanado a opinión pública sobre  as dificultades da liberdade de expresión.

Con posterioridade tivo lugar o I Salón de Primavera e Simposio de Humoristas Galegos (Vigo, 1989), organizado pola Consellería de Cultura e celebrado na Fundación Laxeiro, aínda que foron as Bienais de Caricatura de Ourense (1992-2008) os eventos deste ámbito considerados sucesores, dalgún xeito, dos Encontros do Condado.

c) Aparición das primeiras revistas estables de humor gráfico dende a Guerra Civil: Can sen dono na década dos 80, e logo Xo! (1993) e Sapoconcho (1994).

Aínda que no caso das dúas primeiras a súa publicación foi descontinua, e non tivo gran duración temporal, supuxeron un punto de inflexión no proceso de recuperación do humor gráfico galego na segunda metade do s. XX.

Can sen dono (editada en Vigo) tivo dúas etapas, a primeira de 1983-1984, e a segunda entre 1989 e 1991. O proxecto desta publicación mensual, con predominio do debuxo sobre o texto (en galego) fora presentado no Seminario de Humor de Sada; editáronse 17 números, 5 deles extras. En canto á súa periodicidade, foi mensual ao principio, pero despois converteuse en trimestral e rematou aparecendo circunstancialmente (coincidindo con acontecementos puntuais como o referendo da OTAN, a Guerra do Golfo Pérsico, etc). Dirixida por Pepe Carreiro e Gogue (e na súa segunda etapa por Picho Suárez Lage), era unha revista plural, na que colaboraron dende Quesada ata Xaquín Marín.

       
    Xosé Lois, primera tira de “Sabeliña”, A Nosa Terra, 5-X-1979. © 1979 Xosé Lois.

   

A desaparición de Can sen dono foi compensada, dalgunha maneira, pola aparición de Xó!, fundada por Pérez Lage e Pepe Carreiro. Comezou sendo semanal, mais logo converteuse en mensual.

Sapoconcho era o boletín do Museo do Humor de Fene. Editábase trimestralmente, era gratuíto e contaba con importantes (e desinteresadas) colaboracións. Publicáronse 19 números (e dous extras) entre 1994 e 2000.

d) Creación do Museo do Humor de Fene, en 1984. Estivo dirixido ata 2008 por Xaquín Marín, quen tamén foi o seu fundador e o seu principal impulsor. Non só foi o primeiro museo deste ámbito en España, dotado de fondos moi destacables, senón que tamén realizou un importantísimo labor de divulgación e dinamización do humor gráfico en Galicia, convocando as Xornadas de humor, os Premios Curuxa,  e editando o devandito Sapoconcho. A creación da Praza do Humor da Coruña (1990), deseñada por Siro en homenaxe aos grandes humoristas é considerada como un logro máis derivado da actividade[11] desta institución.

Aínda que a segunda metade da década dos 80 tivo contribucións moi relevantes no que se refire ao humor gráfico galego e ao cómic (cando figuras como Miguelanxo Prado inician a súa traxectoria), a intensidade do trienio 1982-1984, no que se concentraron a celebración do I Seminario Galego do Humor, a aparición da serie de publicacións de Edicións do Castro sobre humorismo, a exposición itinerante asociada ao Manifesto en Defensa do Humor (cos logros derivados, como a primeira etapa de Can sen Dono) e a creación do Museo do Humor, fai que esta etapa sexa o período de referencia en canto á recuperación deste tipo de manifestación artística e cultural.

En síntese, como se adiantaba no principio desta introdución, os anos comprendidos entre 1970 e 1990 conforman unha etapa básica no desenvolvemento e consolidación do humor gráfico en Galicia, e pode ser entendida como a máis destacada despois da considerada Idade de Ouro do xénero (1909-1936).

Nestas dúas décadas da segunda metade do s. XX aprécianse, con carácter xeral, unha serie de aspectos relevantes no humor gráfico galego:

     
     
     
     
Cartel de cego Paco Pixiñas. Cuatro páginas dibujadas por I. Díaz Pardo, con textos de C. E. Ferreiro bajo el sedónimo Arístides Silveira. © 1970.
     

a) A recuperación do prestixo do humor gráfico na prensa, especialmente nos xornais, está moi vinculada á actividade de autores gráficos como Siro e Xaquín Marín. A revitalización deste xénero e outros próximos (como o cómic) viuse favorecida pola existencia de precedentes inmediatos (tan tradicionais como os carteis de cego recreados por Isaac Díaz Pardo e tan vangardistas como as propostas de Reimundo Patiño), pero tamén polas achegas de Quesada, en activo xa con anterioridade aos anos 70, o Grupo do Castro (os irmáns Díaz Arias, Chichi Campos e Luis Esperante) e outros creadores coetáneos (Xosé Lois, Gogue, Pepe Carreiro, Pepe Barro...).

b) O carácter crítico, de testemuña e denuncia destas obras (viñetas en prensa, mais tamén as primeiras “bandas deseñadas”) tras a mordaza da censura, equipáraas a un xénero periodístico de opinión. Esta interpretación xa está presente na seguinte cita de Siro López (1995: 9): “Sería Castelao quen, co seu extraordinario talento, convertiría o humor gráfico e a caricatura en xéneros periodísticos de valor incalculable en Galicia” (este precedente resulta especialmente significativo tamén en relación co vindeiro epígrafe). Outros estudosos deste proceso, manifestan aínda con máis contundencia esta idea en diferentes ocasións: “El humor gráfico en la prensa debe ser entendido hoy como un ejercicio de periodismo de opinión, similar a la columna, aunque la viñeta sea, ciertamente, una opinión sui géneris por su desenfado y desestructuración” (Caballero, 2016: 322); “Desde la Transición, los humoristas gráficos gallegos vienen desempeñando (...) esta función de cronistas (...) de la actualidad” (Caballero, 2016: 2).

c) A influencia de Castelao, que se percibe máis nos temas abordados (talvez porque moitos dos aspectos que as viñetas de principios de século denunciaban, no referente ao contexto galego, non cambiaron significativamente) e na perspectiva “galegocéntrica” que na estética, onde se aprecia maior variedade (no caso de Siro e Xaquín Marín hai unha intención evidente de vencellarse á tradición humorística representada polo autor de Rianxo). Neste sentido, Xosé Lois non dubida en afirmar que “Moitas das cuestións denunciadas por Castelao continúan sen se resolver” (MDG, 2000). En canto á forma, o elemento diferenciador dos autores desta etapa con respecto á anterior á Guerra Civil, é a incorporación do “bocadillo”, ausente nas obras dos autores clásicos galegos do primeiro terzo do s. XX.

d) O considerable nivel de compromiso dos humoristas gráficos coa lingua e coa cultura galegas, auténticas marcas de identidade colectiva. En primeiro lugar, durante as décadas dos 70 e os 80 debuxar viñetas en Galicia, utilizando como lingua o galego xa supuña tomar partido, se temos en conta a escasa presenza que esta lingua tiña nos medios de comunicación; o tardofranquismo e a Transición tamén foron unha época de militancia galeguista dos debuxantes, pero esa tendencia mantívose mesmo despois: no I Seminario Galego do Humor, os asistentes acordaron enviar unha carta a todos os medios de comunicación para poñer en valor a súa achega á cultura galega e contribuír co humor á normalización cultural de Galicia, especialmente á normalización lingüística. O artigo «Herdeiros de Castelao», publicado xa encetado o s. XXI, leva como subtítulo unha referencia a esta actitude comprometida: “A crítica da realidade social nuclea boa parte das obras dos humoristas gráficos galegos, en moitos casos esquecidos” (MDG, 2000), ampliando  aínda máis a cronoloxía deste fenómeno.

e) Percíbese con claridade a relación entre o humor gráfico publicado en prensa e o cómic coetáneo, tanto no que se refire á proximidad temática, como no que respecta á estética (non en van hai numerosos autores con produción nos dous formatos), sobre todo nos anos 70, como pode verse no seguinte fragmento (Hermida, 2015a):

Detéctanse tendencias ideolóxicas en todo este movemento?

Si, había unha certa homoxeneidade nese sentido. O Grupo do Castro era moi reivindicativo, e proclamábase antiautoritario. Logo tamén se vía certa conexión entre quen publicaba nos xornais, con tiras diarias ou periódicas que daban conta e criticaban acontecementos do momento como a defensa ecolóxica contra as centrais nucleares ou a loita das Encrobas. Xa máis adiante, o tema do estatuto, ou cuestións como a emigración eran temas que saían moi a miúdo. A emigración era algo presente en obras como 2 viaxes, Ratas, O emigranteou na adaptación que fai Pepe Barro do relato Carta do pai de Darío Xohán Cabana.

Con respecto á figura de Xaquín Marín, a quen Miguelanxo Prado denomina “o patriarca da banda deseñada galega[12]” (Prado, 2006), hai que dicir que é actor directo na práctica totalidade dos aspectos destacables en canto ao proceso de renacemento e desenvolvemento do humor gráfico galego durante as décadas dos 70 e dos 80. A súa traxectoria convérteo nun representante fundamental deste formato en Galicia, polo que é pertinente rematar esta panorámica cunhas breves referencias á súa concepción do cómic (entendido en sentido amplo, incluíndo tamén as viñetas de humor gráfico).

O pai de Gaspariño e Isolino considera que “Os cómics constitúen un medio expresivo, pertencente á familia dos medios nacidos da integración da linguaxe icónica e da verbal ou literaria” (Marín, 1995: 9); entende que teñen unha enorme potencialidade comunicativa “O cómic é un dos medios de comunicación máis completos que hai” (AMP, 1999). Neste sentido, coincide coa visión que tiña deste formato R. Patiño, que ademais de consideralos unha forma de arte popular, cría que tiñan unha clara función social (Hermida, 2015a):

Todo comezou da man de Reimundo Patiño, que xa viña de tentar crear diferentes organizacións artísticas e políticas, como o movemento Estampa Popular Galega. El vía que a BD era o medio perfecto para levar a arte ao maior número de xente, como un medio de comunicación de masas ben entendido que podía levar tamén á mobilización.

Pero non é esta a única coincidencia dos dous coautores de 2 viaxes: a concepción de cada viñeta como unha obra de arte tamén é unha idea común a ambos. Quizais porque Xaquín Marín confesa que non só pretende provocar un sorriso no lector, senón tamén facerlle reflexionar, “Frente a aquellos que defienden el dibujo de humor de usar y tirar, hecho a prisa para no distraer la atención del lector sobre el mensaje, Marín no tiene reparo en confesar que intenta hacer de cada viñeta una obra de arte” (Caballero, 2016: 326).

A maxistral mestura de arte e compromiso do humorista gráfico ferrolán  conseguiu superar a inmediatez espazo-temporal que caracteriza as viñetas, ao abordar a través da realidade galega as preocupacións de calquera ser humano polo que as súas obras son universais, algo que só ocorre coas creaciónsde verdadeiros xenios.

Bibliografía:

CABALLERO, Félix (2015): Xaquín Marín: innovación e tradición no humor gráfico galego. Tese de doutoramento defendida o 23 de outubro de 2015 na Universidade de Vigo. Inédita. Dispoñíbel en Investigo. Repositorio Institucional da Universidade de Vigo, en http://www.investigo.biblioteca.uvigo.es/xmlui/handle/11093/439 (Capítulo 9. O humor gráfico en Galicia desde Xaquín Marín, pp. 181-258).

CABALLERO, F. (2015): “La segunda edad de oro del humor gráfico gallego (1982-2000)”, en Revista Internacional de Historia de la Comunicación (RIHC), vol. I, nº 4, pp. 198-219.

CABALLERO, F. (2016): “Xaquín Marín: arte y compromiso en el humor gráfico gallego”, en Historia y comunicación social, vol. 21, nº 2, pp. 321-341.

CARBALLO DOPICO, X. (2015): Para unha historia da banda deseñada galega: a narración a través da linguaxe gráfico-textual. Tese de doutoramento defendida o 23 de xullo na Universidade da Coruña. Inédita. Disponible en RUC (Repositorio Institucional da Universidade da Coruña), en http://hdl.handle.net/2183/14829 (varios capítulos).

HERMIDA, X. (2015): “Aquela vangarda dos cadriños. A primeira tese doutoral sobre banda deseñada galega analiza o labor dos autores dos anos 70” (entrevista a Carballo Dopico, 14-12-2015); disponible en línea el 29-6-2017, en http://culturagalega.gal/noticia.php?id=25956&soportal=bd

HERMIDA, X. (2015): “E ao comezo foi Xaquín” (entrevista a Félix Caballero, 17-12-2015); disponible en línea el 22-4-2017 en http://www.culturagalega.org/noticia.php?id=25974).

LÓPEZ, S. (1995): “A vixencia da escola humorístico-gráfica galega”, en VVAA,  Humor gráfico gallego. A Coruña: Xunta de Galicia, Consellería de Cultura.

MARÍN FORMOSO, X. (1995): O abc do cómic, A Coruña, Bahía Edicións.

MARÍN FORMOSO, X. (1995): “A vida a través da perspectiva poliédrica do humor”, en VVAA, Humor gráfico gallego. A Coruña: Xunta de Galicia, Consellería de Cultura.

MARÍN FORMOSO, X. (2006): Ratas, A Coruña, Edicións Embora.

PASCUAL CARBALLO, A. (2009): Humor gráfico galego. Da transición ao século XXI,  Ir indo, Vigo.

PASCUAL CARBALLO, A. (2002): A uva acedohíbrida de Forxán ou do humor gráfico galego,  Deputación Provincial, Ourense.

PRADO, M. (2006): “Prólogo”, en Marín Formoso, X.: Ratas, A Coruña, Edicións Embora, sen paxinar.

TEIJEIRO SUÁREZ, E. (2005): “El humor gráfico gallego y el contacto entre lenguas: tendencias y evolución a lo largo del s. XX”, en Res Diachronicae Virtual, nº 4, pp. 105-113.

A. M. P. (1999): “O cómic é un dos medios de comunicación máis completos que hai”, La Voz de Galicia, 4-3-1999 (entrevista a Xaquín Marín).

M. D. G. (2000): “Herdeiros de Castelao”. O Correo Galego (4 de xullo de 2000).

http://istoenormal.org/gl/exposicions/bdg70-a-revolta-do-comic-galego, disponible en liña o 29-VI-2016.



[1]Agás Maside todos estes autores publicaron obra gráfica en prensa.

[2]As referencias completas destes autores son: Atomé (Antonio Tomé Taboada, 1915-1974), Quesada (Fernando Quesada Porto, 1933-2016) e Lalo (Bernardo Vázquez Gil 1927-2016).

[3]Moi anterior a eles en canto á xeración (A Coruña, 1936) pero, dalgún xeito, referente absoluto para a maioría destes autores gráficos.

[4]A pesar desta proposta, nesta introdución estableceuse como límite cronolóxico superior 1990.

[5] Curiosamente, non foron viñetas, senón textos humorísticos as súas contribucións a este medio, dado que as súas obras gráficas eran valoradas polo director da publicación como “underground” de máis.

[6] Bilingüe con predominio do castelán, de periodicidade quincenal, activa de 1969 a 1971.

[7]As historietas desta publicación estaban moi influídas polo estilo da editorial Bruguera.

[8]Nas páxinas iniciais da edición de Ratas de 2006, Miguelanxo Prado valora a orixinalidade desta “historia futurista e  apocalíptica”, en blanco e negro e un tanto “románica” no trazo (Prado, 2006).

[9]As dúas formas variantes na denominación do Grupo do Castro (grupo do Castro; Grupo do Castro) preséntanse así no texto orixinal.

[10]Recentemente unha exposición, comisariada por Manel Cráneo e Xulio Carballo Dopico, con distintas obras desta etapa inicial do cómic galego utilizou de novo este espazo expositivo (“BDG70: a revolta do cómic galego”); nela puideron verse, entre outras, “O home que falaba Vegliota”, “Carta do pai”, reproducións de páxinas de Comandante Iago, 2 viaxes, Gaspariño, Sabeliña; tamén de portadas de A cova das choias, Xofre, Vagalume.

[11]Tanto Siro como Xaquín Marín eran firmes defensores da creación de espazos públicos nas cidades dedicados ao humor.

[12]E engade, interpelando o autor: “Tiveches a mala sorte de comezar a túa andaina un chisco cedo de máis,  pois o estoupido xeral da historieta en España, alá na década dos oitenta, pilloute xa cocendo garbanzos na prensa diaria a golpe de humorismo gráfico. Pero ti non deixaches en ningún momento de facer 'tiras', a forma máis popular que tivo o medio, a través, precisamente, dos xornais. De feito, es o único que mantivo aquí este formato de xeito regular. E, sempre que tes ocasión (..), volves ó formato de páxina.”

 

Creación de la ficha (2017): Eva María Tejeiro y Manuel Barrero
CITA DE ESTE DOCUMENTO / CITATION:
Eva María Teijeiro Suárez (2017): "Xaquín Marín nos inicios do humor gráfico galego", en Tebeosfera, tercera época, 4 (18-IX-2017). Asociación Cultural Tebeosfera, Sevilla. Disponible en línea el 21/XI/2024 en: https://www.tebeosfera.com/documentos/xaquin_marin_nos_inicios_do_humor_grafico_galego.html